Actualidad

Actualidad

Actualidad

20/11/2013

Do Paleolítico a Idade de Ferro en dúas horas

A Arqueóloga Yolanda Seoane Veiga e o Profesor Luis Figueroa Grenno introduciron aos alumnos de 5º de EP no fascinante mundo do estudo da humanidade a través dos rastros que os nosos devanceiros foron deixando ao seu paso. Nas dúas horas que compartiron cos nenos e nenas tiveron tempo de acercalos á arqueoloxía, transmitíndolles o seu obxecto de estudo, amosándolles as ferramentas das que se serve, os seus métodos de traballo e, en definitiva, o propósito desta disciplina.

O obradoiro está preparado para alumnos que nunca tiveron contacto coa arqueoloxía, por iso sorprendeu aos propios profesores os coñecementos doutras materias (xeografía, historia...) que foron capaces de asociar coas preguntas que se lles formulaban. A viaxe comezou na Idade de Pedra; pasiño a pasiño avanzaron polo Paleolítico e o Neolítico, a través de cancións, proxección e actividades interactivas. Unha das actividades máis divertidas foi facer no mesmo auditorio unha escavación por estratos en miniatura, nas que atoparon dende bolígrafos ata cerámica con "varios centos de anos de antigüidade". A viaxe rematou coa chegada da agricultura e a gandaría na Idade dos Metais.

A actividade, que transcorreu tanto en inglés coma en galego, foi unha oportunidade excepcional para que o alumnado de 5º de EP se achegase ao xurdir da civilización dunha forma didáctica e divertida. Ao fomentar a participación e ser presentada coma unha actividade de lecer os rapaces e rapazas descubriron e repasaron coñecementos sen se decatar de que, en realidade, estaban nunha marabillosa clase de arqueoloxía.