Dúas alumnas de Audiovisuais, primeiro premio no concurso en galego "Móvete"
As alumnas da actividade paraescolar de Audiovisuais, Lía e Sofía, levaronse o primeiro premio do concurso Móvete co galego" na modalidade de grupo, organizado polo Instituto de Lingua Galega. O pasado venres, día 22 de outubro, tivo lugar a entrega de galardóns no salón de actos da Facultade de FIloloxía da USC co seu vídeo: "Nós movémonos co galego... E ti?, que podedes ver na seguinte ligazón:
https://www.youtube.com/watch?v=T0XtWyhrVPc
A entrega de premios do concurso, ao que se presentaron 38 vídeos, estivo conducida por Esther Estévez, presentadora do programa #DígochoEu da RTVG, e contou coa actuación musical de Pauliña. Tamén estivo o director do Instituto de Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a secretaria, María Álvarez de la Granja; o decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Feioo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz. Sofía e Lía recibiron de premio unha videocámara coa que seguir creando novas historias, para entreternos e facernos desfrutar.
Condicións e características do concurso
O Instituto da Lingua Galega organizou este ano, con motivo do seu 50 aniversario, o concurso de vídeo "Móvete", entre o estudantado dos colexios e institutos de Galicia e das zonas de fala galega de fóra de Galicia.
Os vídeos que se presentaron ao concurso tiñan que ser inéditos e orixinais, e non podían superar os 2 minutos de duración nin os 300 MB de tamaño. Os posibles temas eran:
Móvete co galego
Conmóvete co galego
Promove o galego
*O concurso estaba dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato ou un ciclo de FP Básica ou de Grado medio, e podíase participar en dúas modalidades, individual e/ou en grupo, neste último caso baixo a dirección ou o asesoramento dun/dunha docente, que será a responsable do proxecto e a persoa de contacto.
*O xurado elixiu un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema. Valoraron a calidade e a orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas.
¡Parabéns a Lía e a Sofía!