Actualidad

Actualidad

Actualidad

10/03/2023

Lara Torea Suárez e Carla Crespo Berdullas son as gañadoras dos Premios Literarios Minerva

O xurado dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio M. Peleteiro, reuniuse onte, xoves 9 de marzo, para ditar o fallo da edición número cincuenta e un dos recoñecidos galardóns (membros do xurado ao final deste documento).

Os alumnos de 3º, 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia tiveron a oportunidade de presentar os seus textos ata o 24 de xaneiro, coa condición de que foran orixinais, inéditos e por suposto, en galego, xa que con este certame trátase de contribuír ao fomento do uso da lingua no ámbito educativo e a impulsar a literatura entre os mozos.

O xurado destacou a calidade das obras poéticas e dos relatos, o que semella garantir o futuro das nosas letras. “Agardamos que moitos destes mozos sexan recoñecidos nun futuro próximo no panorama literario galego, sumándose á ampla relación de autores hoxe consagrados que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Berta Dávila, Olga Novo, ou o recente Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández, Ismael Ramos e a gañadora do certame Xuventude Crea de narrativa, Alba Guzmán, entre xa tantos autores e autoras indispensables das nosas letras”, sinalou o secretario do certame e profesor do Colexio Peleteiro, Mon G. Buhigas.      

A entrega de premios está prevista para o vindeiro 12 de abril nun acto literario no Colexio M. Peleteiro. Nel actuará como mantedor o escritor, mestre e poeta Antonio García Teijeiro. Os autores premiados lerán unha parte da súa obra como adianto á publicación do libro que recollerá integramente os traballos, editado polo Colexio M. Peleteiro.

As obras premiadas

En concreto, na modalidade de narración resultaron 18 traballos finalistas sendo 16 os finalistas na de poesía. Destas obras, o xurado acordou outorgar os seguintes premios:

Modalidade de NARRACIÓN

1º PREMIO: Lara Torea Suárez, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do IES Plurilingüe de Ames, polo seu relato Fase TresPremio de 750 euros e medalla conmemorativa do certame.

 2º PREMIO: Rosalía Bernárdez Riopedre, de 16 anos, alumna de 1º de Bacharelato do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, pola súa obra Philos. Premio de 400 euros e medalla conmemorativa.

   3º PREMIO: Marta Rodríguez González, de 17 anos, alumna de 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda de A Coruña, pola súa narración titulada A gran tormenta. Premio de 250 euros e medalla conmemorativa.

 1º ACCÉSIT: Samuel López García, de 16 anos, alumno de 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda de A Coruña, polo seu traballo Vivir morto .

 2º ACCÉSIT: Isabel Carballal Zamudio, de 17 anos. Cursa 2º de Bacharelato no Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, pola súa obra Camiño do ceo.

  3º ACCÉSIT: Isabel Miragalla Dorado, de 15 anos, de 4º de ESO  do Colexio Franciscanos de Lugo,  polo seu traballo Guíame, brisa.

Modalidade de POESÍA

1º PREMIO: Carla Crespo Berdullas, de 18 anos. Cursa 2º de Bacharelato no IES Plurilingüe de Ames, polo seu traballo Sangue da miña ialma. Premio de 750 euros e medalla conmemorativa.

  2º PREMIO: Carmen Rosales Cabrera, de 17 anos, de 1º de Bacharelato do IES Illa de Tambo de Marín, polo seu traballo Obedece, corpo. Premio de 400 euros e medalla conmemorativa.

 3º PREMIO: Eloy Morán Castedo, de 17 anos. Cursa 2º de Bacharelato no Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, polo seu poema Xeografía do ser. Premio de 250 euros e medalla conmemorativa.

  1º ACCÉSIT: Amalia Blanco Pose, de 16 anos, de 1º de Bacharelato do IES Terra do Xallas, pola súa obra Folgando en cinsa.

  2º ACCÉSIT: Andrés Collantes Barros, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, polo seu traballo Porfía.

  3º ACCÉSIT: Paula Expósito Giadás, de 16 anos, de 1º de Bacharelato  do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela,  polo seu traballo No berce dos teus ollos verdes.

Os membros do xurado

Modalidade de NARRACIÓN

            Presidente:   Armando Requeixo Cuba

Secretario Científico no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, profesor da USC, investigador e crítico literario.

 

     Vogais:     Alba Guzmán Falcón

Escritora.

Montse Fajardo Pérez

Escritora e xornalista.

Mercedes Corbillón

Escritora e libreira.

Teresa González da Silva

Profesora de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.


Modalidade de POESÍA

Presidente:  Luís Alonso Girgado

Investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e crítico literario.

Vogais:      Marga Tojo  

Escritora e xornalista.

Andrea Fernández Maneiro

Poeta e locutora.

Ismael Ramos

Poeta e profesor.

Xisela Fuciños Vázquez

Profesora de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.