Actualidad

Actualidad

Actualidad

03/06/2019

Mención de Educacompostela polo traballo 'A Orde de Compostela. O último Gardián da Barca'

O traballo A Orde de Compostela. O último Gardián da Barca, coordinado pola profesora Marica López, recibiu unha mención do Premio Educacompostela na súa décimo primeira edición. A entrega dos galardóns tivo lugar o pasado martes, día 29, no Salón Nobre da Casa do Concello de Santiago. O acto estivo presidido polo alcalde Martiño Noriega, o concelleiro de Educación e Cidadanía Manuel Dios e a presidenta de Nova Escola Galega, María Dolores Candedo.

¿En qué consiste o traballo presentado polos alumnos do Colexio M. Peleteiro? A Orde de Compostela. O último gardián da barca é un xogo destinado a rapaces de sexto de Primaria e segundo da ESO que ten por obxecto aprender sobre a cidade de Santiago e do edificio en torno ao cal se xestou: a catedral. En total son sete cadernos. No primeiro preséntase o xogo cunha carta do Gran Mestre de Os Gardiáns da Orde de Compostela. Os outros seis cadernos, un por cada período de crise no que a Barca tivo que cambiar de sitio.

A historia comeza en decembro de 1048 e ten como protagonista ao vikingo Ulfo o Galego, personaxe histórico coñecido por ter arrasado Galicia. Ulfo é rescatado pola Barca de pedra que trouxo o corpo do apóstolo Santiago o Maior a Galicia e, unha vez aquí, decide fundar a Orde para protexela: ninguén pode atopar a Barca. 

A raíz do roubo do Codex Calixtino en 2011 comeza un novo período de crise e, por primeira vez, a Orde non pode protexer a Barca porque non sabe onde está. A misión do alumn@ será dar con ela, converténdose así no último Gardián da Barca. Con este fin seralle entregado o Diario de Jakobsland.

Contribuir ao desenvolvemento educativo de Galicia

O Concello xunto a Nova Escola Galega convocan este premio co fin de "recoñecer, promover, premiar e difundir públicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuir ó desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.