Actualidad

Actualidad

Actualidad

08/04/2022

O Colexio M. Peleteiro celebra o acto de entrega dos L Premios Literarios Minerva

O Colexio Manuel Peleteiro acolleu esta tarde o acto de entrega da cincuenta edición dos Premios Literarios Minerva. No acto, no que se premiaron os traballos dunha ducia de estudantes, 6 na categoría de narrativa e 6 na de poesía, estiveron presentes o concelleiro de educación, mocidade e políticas lingüísticas de Santiago de Compostela, Ruben Prol;  membros da directiva do colexio e da organización do certame, os membros do xurado  e os premiados, acompañados de familiares e unha representación dos seus centros escolares.

 

Como xa ven sendo habitual nas últimas edicións, o acto estivo presentado por unha alumna 2º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro. Neste cincuenta aniversario do certame, interveu como mantedora a escritora, xornalista, profesora da USC, cineasta e secretaria da Real Academia Galega Margarita Ledo Andión.

 

Na súa intervención, Margarita Ledo gabou a calidade literaria das obras premiadas e o talento dos mozos escritores premiados, sinalando que cando ela tiña a súa idade “púxenme a escribir poemas para poder facelo en galego”  como modo de reivindicar que non fora alfabetizada na lingua que dende entón pasou a ser a súa lingua de escolla.

 

Así mesmo, sinalou a relevancia da historia dos premios Minerva neste 50 aniversario, que tiveron a súa orixe en 1963, cando un grupo de estudantes de o por aquel entón colexio Minerva, “propuxeron crear un certame literario no que participaran mozos e mozas de Galiza enteira” e fixo un repaso por autores que foron galardoados neste certame como Darío Xohán Cabana, Fernando Ónega ou Xosé Antonio Neira Cruz.

 

Finalmente, agradeceu a todos os galardoados que “se atrevesen a facer pública a súa escrita, a saír ao mundo con fragmentos da súa experiencia íntima que comparten nestas obras”.

 

Durante o acto, os estudantes premiados puideron compartir co público asistente un fragmento das súas obras, que pasarán a formar parte de forma íntegra, dun libro editado polo Colexio M. Peleteiro.

 

Ademais do premio en metálico, os galardoados recibiron unha medalla de prata e un diploma conmemorativos.

 

O acto rematou coa intervención do concelleiro de educación, mocidade e políticas lingüísticas de Santiago de Compostela, Ruben Prol, quen  ademais de felicitar aos galardoados, destacou o esforzo e traballo de todos aqueles que ao longo destas 50 edicións organizaron os Premios Literarios Minerva, facendo tamén referencia á complexidade do contexto histórico no que os premios naceron. Tamén sinalou que “se de algo podemos estar orgullosos é de poder seguir traendo xeracións de xente moza capaz de crear, e grazas ao seu talento sempre son bos tempos para a lírica porque ao final os tempos os facemos nós”.