Actualidad

Actualidad

Actualidad

05/10/2019

O Colexio M. Peleteiro convoca a edición número corenta e oito dos Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro vén de facer públicas as bases polas que se rexerán os Premios Literarios Minerva, un certame escolar co que se pretende contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e a impulsar a literatura na nosa lingua entre a mocidade.

Trátase da edición número corenta e oito dos recoñecidos galardós, dos máis lonxevos de Galicia dentro da literatura xuvenil.

Nestes premios poderán participar todos os alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato que cursen os seus estudos en calquera colexio ou instituto da Comunidade Autónoma, e ademais non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro do 2020.

As bases recollen as condicións que teñen que cumprir os textos e os prazos do certame. O alumnado interesado en participar terá ata o 17 de xaneiro de 2020 para presentar os traballos que deben ser orixinais, inéditos e por suposto en galego. Terán a posibilidade de participar en dúas modalidades: poesía ou narración. No primeiro xénero son precisos tres poemas, de tema e forma libres. Tamén en narración poderán elixir a temática, tendo neste caso un espazo máximo de seis folios e mínimo de dous mecanografados a dobre espazo.

A presentación dos traballos deberá ser en papel (seis copias) e unha máis en soporte informático, con título e pseudónimo ou lema. Será no interior do sobre onde consten os datos persoais do autor. O documento ten que ser selado polo seminario de galego do centro educativo ao que pertence, para logo envialo á dirección do Colexio M. Peleteiro.

O acto literario será o xoves 2 de abril

Os premios son tres en cada modalidade e inclúen 600, 400 e 250 euros respectivamente, medalla de prata conmemorativa e a publicación das obras galardoadas nun libro editado polo Colexio M. Peleteiro. O xurado, que estará formado por escritores e profesores de Lingua ou Literatura de distintos centros de ensino de Galicia, poderá outorgar accésits se o considera oportuno. Aínda que tamén poderá declarar os premios desertos. Trátase duns recoñecementos de referencia non só pola súa longa traxectoria senón tamén polos éxitos que conseguen os premiados doutros anos no ámbito literario.

O fallo dos premios Minerva darase a coñecer o día 7 de marzo nos medios de comunicación e na páxina web do colexio: www.peleteiro.com. A entrega dos galardóns levarase a cabo nun acto literario no salón de actos do Colexio M. Peleteiro o xoves 2 de abril. Ademais de recibir os premios, os rapaces agasallados terán que ler a súa obra coa que encherán de fermosas verbas o acto.