Actualidad

Actualidad

Actualidad

19/10/2021

O Colexio M. Peleteiro convoca os Premios Literarios Minerva no seu 50 aniversario

O Colexio M. Peleteiro vén de facer públicas na páxina web (https://peleteiro.com/actualidad/premios-literarios-minerva) as bases polas que se rexerán os Premios Literarios Minerva nunha edición moi especial, o seu 50 aniversario.

Trátase duns galardóns moi recoñecidos, dos máis lonxevos de Galicia dentro da literatura xuvenil, que comezaron a súa andaina no ano 1963 da man do profesor Abuín de Tembra; apadriñados por Álvaro Cunqueiro. Carballo Calero, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Neira Vilas foron outros prestixiosos autores que validaron a calidade das obras presentadas. É unha honra para o colexio ver que co paso do tempo algúns dos premiados (Darío X. Cabana, Xesús Rábade, Fernando Ónega...) contribúen ao prestixio do certame.

Camiñando na mesma liña, o Colexio continúa organizando este certame escolar para contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e impulsar a literatura na nosa lingua entre a mocidade. Nestes premios poderán participar alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato ou FP que cursen os seus estudos en Galicia e non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2021.

O alumnado interesado terá ata o 21 de xaneiro de 2022 para presentar os traballos que deben ser orixinais, inéditos e por suposto en galego. Terán a posibilidade de participar en dúas modalidades: poesía ou narración.

O acto literario será o xoves 7 de abril 

Os premios son tres en cada modalidade e inclúen 750, 400 e 250 euros respectivamente, medalla de prata conmemorativa e a publicación das obras galardoadas nun libro editado polo Colexio M. Peleteiro. O xurado, que estará formado por escritores e profesores de Lingua ou Literatura de distintos centros de ensino de Galicia, poderá outorgar accésits ou mesmo declarar os premios desertos, se o considera oportuno.

O fallo darase a coñecer o día 12 de marzo nos medios de comunicación e na páxina web do colexio e a entrega dos galardóns levarase a cabo o xoves 7 de abril.