Actualidad

Actualidad

Actualidad

12/04/2019

O Colexio M. Peleteiro recoñece os traballos en galego dunha ducia de estudantes nos Premios Literarios Minerva

Acto de entrega de los Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro acolleu onte a edición número 47 dos Premios Literarios Minerva, no salón de actos e ante unha morea de asistentes entre os que se atopaban representantes do goberno municipal de Santiago, membros directivos do centro educativo e da organización do certame xunto aos galardoados, familiares e alumnos.

O acto estivo presentado por unha estudante de 2º de Bacharelato, quen deu a benvida e dirixiu a entrega de premios. O mantedor Luís Alonso Girgado, investigador do centro Ramón Piñeiro e crítico literario, dedicou unhas palabras ó público. Na súa intervención fixo un percorrido polos lazos literarios de Galicia con países como Cuba, Arxentina, Uruguai e Venezuela da man dos seus autores máis significativos. Lino Novás Calvo, Miguel Barnet, Ramón Meza, César Aira, Claudia Piñeiro, Idea Vilariño ou Alfonsina Storni foron algúns dos nomes propios mencionados, destacando o seu traballo pola literatura.

No certame escolar, dos máis lonxevos de Galicia dentro da literatura xuvenil, praticiparon alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato de colexios ou institutos de Galicia. Nesta edición presentáronse 132 traballos. En narrativa 76, dos cales 22 resultaron finalistas e na modalidade de poesía un total de 56, dos que foron seleccionados 20.

Os rapaces foron subindo ao estrado para recoller o premio económico, o diploma e a medalla de prata. Ademais tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiron o recoñecemento do público.

Os gañadores foron:

Modalidade de NARRACIÓN

  • 1º PREMIO (Premio de 600 €): Helena Gómez Villanueva, de 18 anos, alumna de 2º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro, polo seu relato Realidade.
  • 2º PREMIO (Premio de 400 €): David Sánchez Rodríguez, de 17 anos, alumno de 2º de Bacharelato do IES Castelao de Vigo, pola súa obra Fe.
  • 3º PREMIO (Premio de 250 €): Alba Guzmán Falcón, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, pola súa narración titulada Ser ou non ser.
  • 1º ACCÉSIT: Iago Fraga Vilas, de 16 anos, alumno de 1º de Bacharelato do IES Ramón Cabanillas de Cambados, polo seu traballo A neve.
  • 2º ACCÉSIT: Daniel Fernández Artiaga, de 17 anos. Cursa 2º de Bacharelato no Colexio M. Peleteiro de Santiago, pola súa obra Escribe e deixa de pensar.
  • 3º ACCÉSIT: Héctor Garabatos Vilas, de 15 anos, de 4º de ESO do Colexio Miralba – Jesuitinas de Vigo, por O arquitecto dun soño.

Modalidade de POESÍA

  • 1º PREMIO (Premio de 600 €): David Obelleiro Prado, de 17 anos. Cursa 1º de Bacharelato no IES Chano Piñeiro de Forcarei, polo seu traballo Poemas baldeiros para un mundo nihilista.
  • 2º PREMIO (Premio de 400 €): Lorena Fernández Iglesias, de 15 anos, de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, polo seu traballo Navegando na túa electricidade.
  • 3º PREMIO: Paula Varela Díaz, de 16 anos. Cursa 4º de ESO no Colexio María Auxiliadora de Lugo, polo seu poema Introspección.
  • 1º ACCÉSIT: Fabián Niño Hernández, de 17 anos do IES Plurilingüe Fontem Albei de A Fonsagrada, pola súa obra Conxura.
  • 2º ACCÉSIT: Elena García Ortigueira, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios de A Coruña, polo seu traballo Cando sufría.
  • 3º ACCÉSIT: Jonathan Costas Dieste, de 17 anos, de 2º de Bacharelato no IES Praia de Barraña de Boiro, pola súa obra De lóxica e palacio.

O acto rematou cunhas verbas do concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios: "É unha honra estar aquí. Os premios Minerva son unha referencia e a presenza do Concello é un recoñecemento aos premios e a esta institución educativa. Manter e desenvolver esta iniciativa é un esforzo extraordinario que lle debedes ao profesorado. É moi importante para os mozos que escriben. O que vos pido é que persistades porque a carreira de escritor é a longo prazo" e engadiu que "os premios Minerva son un apoio a nosa lingua. Creo que esta lingua ten máis futuro que nunca. Está en vós. Polo tanto eu son dos que creo que a nosa lingua está asegurada". Seguindo a tradición, celebrouse unha recepción con aperitivo para os premiados, profesores e invitados no Colexio M. Peleteiro.