Actualidad

Actualidad

Actualidad

15/04/2021

O Colexio M. Peleteiro recoñece os traballos en galego dunha ducia de estudantes nos Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro acolleu esta tarde a edición número 49 dos Premios Literarios Minerva. No salón de actos e coas medidas de seguridade oportunas, déronse cita membros directivos do colexio e da organización do certame, o concelleiro de Educación de Santiago Ruben Prol, os galardoados, familiares e unha pequena representación dos centros educativos premiados.

O acto estivo presentado por un estudante de 2º de Bacharelato, quen deu a benvida e dirixiu a entrega de premios. O mantedor Ramón Villares, catedrático de Historia da USC e membro da Real Academia Galega, dedicou unhas palabras ó público. Comezou a súa intervención lembrando a orixe do colexio Peleteiro como Academia Minerva e tamén falou da celebración das Festas Minervais “como o viveiro onde se creou unha xeración literaria”. Non se esqueceu de Cunqueiro como referencia e amosou a súa satisfacción por “participar e así contribuír nunha festa da poesía e da literatura dedicada a propia deusa da sabedoría”.

Villares falou da educación experimental e interiorizada, non memorística. “Atreverse a saber e a aprender, a educación nos axuda a facer preguntas, como parte do proceso de formación integral do individuo”. Tamén mencionou que nos traballos premiados atópanse tópicos como os de descubrir a vida, o amor, a vontade de construír o futuro... “E eu celebro que haxa esta emulsión poética nestas obras”. Dirixíndose ós rapaces dixo que “é moi difícil saber o que un é con tan pouca experiencia, pero tedes esperanza e expectativas postas en que o futuro sexa distinto e sodes capaces de amosar a vosa experiencia. Anímovos a que esa experiencia se vaia convertendo nas expectativas que tedes, ata que se crucen”.

Finalmente, fixo referencia ó feito representativo da presenza de maioría de mulleres entre os gañadores: “As mulleres creadoras están construíndo un canon literario diferente, tendo nun pedestal a unha muller, Rosalía de Castro, emblema do sistema literario galego contemporáneo. Isto revela que a historia muda”.

A continuación, os rapaces foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla de prata. Ademais tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiron o recoñecemento do público (Listado dos premiados ao final do documento).

O acto rematou cunhas verbas do concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, quen destacou a importante contribución dos Premios Minerva as letras galegas e a calidade das obras dos premiados.

--------------------------------------------------------------------------------

Os gañadores dos Premios Minerva foron:

Modalidade de NARRACIÓN

➢ 1º PREMIO: Carmen González Fernández, de 17 anos, alumna de 2º de Bacharelato do IES Fraga do Eume de Pontedeume, polo seu relato Teatro de fume. Premio de 600 euros e medalla de prata conmemorativa do certame.

➢ 2º PREMIO: Noelia Fernández Romero, de 16 anos, alumna de 1º de Bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo, pola súa obra Quén vive no 4ºB?. Premio de 400 euros e medalla de prata conmemorativa.

➢ 3º PREMIO: Mariña Maceiras Segovia, de 16 anos, alumna de 4º de ESO do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, pola súa narración titulada Verde esperanza. Premio de 250 euros e medalla de prata conmemorativa.

❖ 1º ACCÉSIT: Candela Graña Valladores, de 14 anos, alumna de 3º de ESO do IES María Soliño de Cangas, polo seu traballo Lúa Chea .

❖ 2º ACCÉSIT: Alba Guzmán Falcón, de 17 anos. Cursa 2º de Bacharelato no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, pola súa obra Azul.

❖ 3º ACCÉSIT: Katia Tojo Soto, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo seu traballo Harmonía tou kosmou.

Modalidade de POESÍA

➢ 1º PREMIO: Iria Pérez Álvarez. Cursa 2º de Bacharelato no IES Plurilingüe de Ames, polo seu traballo Triloxía utópica cuarentenaica. Premio de 600 euros e medalla de prata conmemorativa.

➢ 2º PREMIO: Paula Tubío Calvo, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo, polo seu traballo Historias inéditas. Premio de 400 euros e medalla de prata conmemorativa.

Monte Redondo-Castiñeiriño, 15702. Santiago de Compostela. comunicacion@peleteiro.com

Tlfno: 981 591 475. www.peleteiro.com

➢ 3º PREMIO: Candela Martínez Ferro, de 16 anos. Cursa 1º de Bacharelato no IES Lamas de Abade de Santiago, polos seus poemas Pandemia/Morada cute/Xa non. Premio de 250 euros e medalla de prata conmemorativa.

❖ 1º ACCÉSIT: Alfredo José Fernández Marques, de 15 anos de 4º de ESO do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, pola súa obra Bicos e carreiras nas escaleiras do Teatro Real.

❖ 2º ACCÉSIT: Alba Comojo Díaz, de 19 anos, de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo, polo seu traballo Gaivota/Tic Tac/Obsesións.

❖ 3º ACCÉSIT: Irea Pérez Iglesias, de 17 anos, de 2º de FP do IES Primeiro de Marzo de Baiona, polo seu traballo Sinag.