Actualidad

Actualidad

Actualidad

13/04/2023

O Colexio M. Peleteiro recoñece os traballos en galego dunha ducia de estudantes nos Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro acolleu esta tarde a edición número 51 dos Premios Literarios Minerva. No salón de actos déronse cita autoridades, membros directivos do colexio e da organización do certame, os galardoados, familiares, unha representación dos centros educativos premiados e alumnos do colexio Peleteiro.


O acto estivo presentado por unha estudante de de Bacharelato, quen deu a benvida       e dirixiu a entrega de premios. En primeiro lugar dedicáronse fermosas verbas de agradecemento a Teresa González da Silva, secretaria do certame durante máis de dúas décadas e que deixou xa esta edición 51 nas mans de Mon G. Buhigas, tamén profesor do colexio Peleteiro.

O mantedor Antonio García Teijeiro, escritor, mestre e poeta, comezou a súa intervención dicindo que era un luxo formar parte deste acto “tan ilusionante” e agradeceu o traballo dos coordinadores e dos rapaces, “por entrar no mundo literario”.  García Teijeiro explicou como a palabra, en forma de versos, cambioulle a vida. “Cando comecei a escribir notei que me faltaban ferramentas, faltábame lectura. Comprendín que tiña que facer preguntas, esas preguntas requerían unha búsqueda e así comezou a miña transformación. Fíxome máis crítico, máis ateigado da humanidade. Sen ler a fondo non poderedes escribir ben” e indicou que “lendo escritores, enriquecendo a visión do cotiá, dinlle sentido a miña vida. A escrita faría que me convertese nun escritor sólido. Escribindo acadei unha reivindicación persoal, coñecinme mellor e deume mellores referencias do que me rodeaba”. 

Continuou dicindo que o escritor debe ver, sentir, vivir e coñecer os sentimentos das rúas. “Eu ando coa mirada curiosa, os ollos ben abertos. Síntome un poeta da rúa, preto das persoas, e dende a rúa comprendín que escribir, mais que transmitir un coñecemento, e acceder a ese coñecemento” Por iso, dixo a “todos os que soñades con ser escritores que non vos venza o desánimo. Tedes un longo camiño entre libros, situacións diversas, emocións e primeiras liñas que os leven a un verso ou a unha narración. Paga a pena”.

A continuación, os rapaces foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla. Ademais tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiron o recoñecemento do público.


O acto rematou cunhas verbas da segunda tenente de alcalde e concelleira de Accion Cultural, D.ª Mercedes Rosón, quen lembrou algúns mantedores históricos como Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares, Neira Vilas... e destacou a importante contribución dos Premios Minerva par a difusión e recoñecemento da literatura galega. “Grazas por elixir a lingua galega neste proceso de expresión creativa e parabéns aos premiados”, concluíu Mercedes Rosón.