Actualidad

Actualidad

Actualidad

09/05/2019

O proxecto científico de Tania e Miguel Quintáns en Galiciencia

Galiciencia trátase da maior feira científica que se celebra na nosa comunidade. Estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato traballan nas aulas para desenvolver prototipos de novas ideas científicas coas que se presentan ao certame. Os alumnos do Colexio M. Peleteiro Tania e Miguel Quintáns, non quixeron perder esta oportunidade para traballar no seu proxecto xunto a profesora Beatriz Padín e, con moito esforzo, finalmente foron seleccionados.

Soamente saíron elixidos 50 en toda a Comunidade Autónoma, e en Santiago catro, polo que aínda estamos máis orgullosos dos nosos rapaces do Colexio. Baixo o título Consecuencias da acidificación dos océanos nas cunchas dos moluscos os alumnos de 1º e 2º de ESO estudaron as consecuencias da contaminación no mar. "O noso propósito é concienciar dos danos da contaminación e de cómo afecta á economía azul de Europa, que produce sobre todo ostras e mexillóns, e a contaminación convérteos en débiles ante os depredadores", explican os nenos. Pola súa banda, Beatriz incide en que é unha cuestión moi física e pretende "alertar ademais para que se consuma mellor e dun xeito máis responsable".

Galiciencia 2019, fervedoiro de ideas en Ourense

A feira celébrase no Parque Tecnolóxico de Galicia durante tres días, dende o mércores ata mañá día 10 de maio. Conta con mais de 50 expositores, xa que tamén teñen presenza cada día dez stands para os rapaces que foron seleccionados en Primaria. Nos últimos anos gañou verdadeiro prestixio e protagonismo, contando co apoio da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Se pasas pola feira de San Cibrao das Viñas (Ourense), os investigadores e investigadoras do futuro che explicarán os seus traballos científicos e mostrarán os seus prototipos, experimentos e resultados.  Galiciencia é moito máis xa que realiza talleres co tema central: A saúde e os bos hábitos. Deste xeito os visitantes coñecen como funciona o cerebro e omo se pode manter en forma, logo tamén levan a cabo un obradoiro para concienciar do coidado do medio ambiente e mesmo falan nestes talleres de cociña e da comida, para levar unha alimentación saudable.

Sen dúbida, están sendo días intensos para Tania, Miguel e Beatriz. Hoxe amosaron aos colexios visitantes o seu proxecto e aínda queda unha xornada máis.