Os alumnos Rubén, Irene e Gael gañan o III Concurso de redacción histórica

Os alumnos, actualmente en 3º da ESO, Rubén Touriño Alonso, Irene Santos Redondo e Gael Barral Amoros, obtiveron os primeiros tres premios do III Concurso de redacción histórica, convocado polo colexio López Ferreiro e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O certame foi organizado no curso 2019/2020 pero non se puido resolver ata o de agora pola situación epidemiolóxica. Estaba dirixido a estudantes da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2019/2020 cursaban 5º e 6º de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO.
Os relatos tiñan que ser orixinais, estar redactados en lingua galega e tratar sobre un suceso relevante da historia de Galicia: monumentos emblemáticos, tradicións ou lendas galegas.
Os tres premiados
Finalmente, o primeiro premio recaeu en Rubén Touriño cunha obra baseada no descubrimento da tumba do Apóstol. A alumna Irene Santos obtivo o segundo galardón cun traballo no que narra a vida das Marías a través dos ollos dunha veciña e o terceiro premio foi para Gael Barral, cunha historia sobre a elaboración do primeiro mapa de Galicia.
Os rapaces recibirán un diploma e un detalle de recoñecemento.