Actualidad

Actualidad

Actualidad

21/09/2022

Roi Casal protagoniza un percorrido musical entre Galicia e Cuba

O músico e exalumno do Colexio M. Peleteiro Roi Casal, inaugurou o martes 20 de setembro o curso escolar 2022-2023 cun concerto baixo o título Son galego, Son cubano. Neste caso, tratouse da versión reducida do espectáculo, no que fai un percorrido entre Galicia e Cuba. A actuación, que comezou ás 15.30 horas no salón de actos, contou coa presenza de máis de 300 alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato.

Son galego, Son Cubano xa é un ambicioso proxecto internacional, que Roi Casal fixo por encargo do Instituto Cubano de la Música, con letras de Neira Vilas. En 2016 estreouse no Gran Teatro de La Habana.

O profesor de Música, Orestes Reyes, presentou ao artista facendo referencia aos seus inicios na música, cando aínda era alumno do Colexio. Ademais, destacou a súa traxectoria e o éxito deste traballo no que "mestura a cultura galega coa cubana con gran acerto".

Pola súa banda, Roi Casal dixo sentirse como en casa e lembrou a súa etapa no Colexio, destacando a formación en coñecementos e valores que adquiriu, "na que Peleteiro é un referente". Falou dos lazos tan fortes que unen Galicia e Cuba, que coñeceu e nos que profundou grazas a estreita relación que mantivo con Neira Vilas nos seus últimos anos de vida, e polo que realiza este espectáculo. "É unha homenaxe a Neira Vilas e a todos esos galegos que fixeron Galicia sen pedir nunca nada a cambio", dixo Roi Casal.

Durante máis dunha hora tocou temas do seu repertorio, explicando o contexto e a historia de cada un deles, como Ninfa das frescas augas, Pescadores do Golfo, Cuarto de tula, Caballero de París ou Pra o monte.

Datos biográficos de Roi Casal

Roi Casal (Catoira, 1980) é un dos grandes expoñentes da música galega actual a nivel internacional. Formou parte durante case unha década do emblemático grupo de música folk celta Milladoiro, tocando a arpa con eles ata o ano 2009. Momento no que decidiu emprender unha carreira en solitario coa que está acadando grandes éxitos. Varios dos seus traballos foron aclamados pola crítica especializada e convertéronse en número 1 en ventas en Galicia nos seus respectivos lanzamentos. As súas xiras chegaron ao Xapón, Arxentina, EEUU, Suíza, Uruguay, Portugal, Brasil ou Cuba.