O Colexio M. Peleteiro acolleu esta tarde a entrega dos Premios Literarios Minerva, na súa edición número 54. No salón de actos déronse cita autoridades, membros directivos do colexio e da organización do certame, os galardoados, familiares, unha representación dos centros educativos premiados e alumnos do Colexio Peleteiro. O acto estivo presentado por unha estudante de 2º de Bacharelato, Marta Arce, quen deu a benvida e dirixiu a entrega de premios.
O mantedor desta edición foi Armando Requeixo, secretario científico no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, profesor da USC, investigador e crítico literario; ademais de presidente dos Minerva na modalidade de Narración nos últimos anos. “Temos con nós a un referente totalmente imprescindible para comprender e gozar da nosa literatura, unha persoa cun inesgotable entusiasmo e paixón pola análise e difusión da literatura galega”, dixo a presentadora sobre Armando, e engadiu que é “responsable directo da visibilización de autores e autoras, obras, tendencias e proxectos que forman parte da nosa riqueza literaria, en moitos casos tamén xa do noso canon”.
Armando Requeixo leva xa 26 anos formando parte do xurado deste certame literario, coincidiu con Avelino Abuín de Tembra (o seu fundador). Lembrou estes primeiros anos, agradeceu a organización o recoñecemento de ser mantedor e dixo que se sentía “un espectador privilexiado da gran historia dos Premios Minerva, participando incluso nos actos e na elaboración do libro polo 50 aniversario”. E rematou dicindo: “Ogallá sexades auténtica materia da que están feitos os nosos soños: a literatura”.
A continuación, os rapaces galardoados, que foron en total 12 de distintos colexios e institutos de toda Galicia (6 premios en Poesía e 6 en Narración), foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla conmemorativa do certame. Ademais, tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiron o recoñecemento do público.
A concelleira de Deportes e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro clausurou o acto e dixo que era un orgullo facelo diante de xente benquerida, de alumnado, mestres e persoas da literatura. “Os Premios convertéronse en institución imprescindible das nosas letras. Segue sendo o berce onde floreceron Darío Xohán Cabana, Suso de Toro…”, e fixo fincapé no galego como unha lingua de futuro, “un idioma moderno e poderoso, ferramenta viva nas vosas mans”. Tamén felicitou aos profesores que axudaron aos rapaces e que están detrás de cada poema e narración. Dixo que Santiago é capital da cultura e da palabra e por último, “parabéns aos premiados: seguide escribindo e cuestionando o mundo, e seguide soñando en galego porque Galiza precisa seguir escoitando a vosa voz”.


