O Colexio M. Peleteiro acolleu esta tarde a presentación do libro Cincuentenario dos Premios Minerva, no que se recollen os galardoados, membros do xurado e mantedores dende a súa primeira edición, no ano 1963 (neste intre baixo o nome Xogos Florais Minerva). Ao acto, dirixido por unha alumna de 1º de Bacharelato do Colexio, asistiron autoridades, dirección do centro educativo, profesores e unha representación de autores premiados ou persoas que formaron parte do xurado.
Para comezar, o alumno do Centro de Estudos Musicais do Colexio Miguel Teira interpretou Fantasía pastoral húngara, op.26, F. Doppler, acompañado polo profesor Víctor Escuder. Acto seguido tivo lugar a benvida do director do Colexio, D. Luis Peleteiro. Na súa intervención agradeceu a todos os que fixeron posible que este certame chegara ós 50 anos de historia, mencionando o mantedor da súa primeira edición, D. Álvaro Cunqueiro. Tamén fixo referencia a persoas importantes para os Premios como D. Avelino Abuín e D. Manuel Quintáns, a quenes se lle adica o libro xa que “un día soñaron os Premios Minervas e puxeron neles todo o seu saber, ilusión e xenerosidade para legárnolos en herdo”, consta no libro.
Deu as grazas ós editores da publicación e membros do xurado permanentes dende hai máis de vinte anos, presentes no acto: D. Luís Alonso Girgado e Armando Requeixo. Luis Peleteiro non se esqueceu dos secretarios do certame: Javier Ferreiro, Teresa González da Silva e, na actualidade, Mon Gómez Buhigas, nin dos preto de cincocentos mozos e mozas de Galicia galardoados neste tempo. “Quero amosar o noso compromiso coa continuidade destes premios por moitos anos máis, contribuíndo deste xeito ó fomento da creación literaria entre os rapaces do noso país”, concluíu.
Armando Requeixo foi o seguinte en intervenir e o fixo en nome propio e dos outros coautores deste libro, Luís Alonso Girgado e Laura Caamaño. Contou como xurdiu a idea e como se estrutura o libro, cun limiar do actual secretario Mon G. Buhigas, e que remata co “eco” dos medios sobre este certame. “Son premios que teñen unha nómina de autores relevantes abraiante” e engadiu que “Non se pode entender a historia da literatura galega sen pasar polos Premios Minerva”.
Tamén subiu ó estrado Lara Porto, premiada dúas veces e antiga alumna, “escribir foi terapia para todos os participantes”, e lembrou da súa etapa no colexio coma tiñan a honra de ler anacos das obras de grandes autores que hoxe admira, e das súas dúas irmás que tamén recibiron galardóns. “Que florezan mil maios máis para as Letras Galegas”, concluíu.
Logo tomou a palabra D. José López Campos, Conselleiro de Cultura que fixo un repaso pola historia dos Premios e agradeceu ao Colexio a súa dedicación e compromiso, este tipo de premios “son imprescindibles e necesarios e contribuiron a consolidar o panorama da literatura galega”.
A clausura correu a cargo da alcaldesa de Santiago, D. ª Goretti Sanmartín, que cualificou ó certame coma unha referencia no mundo literario. “Todo o mundo coñecemos a alguén que gañou porque moitos se converteron en referentes e non se pode entender a Galiza literaria das últimas décadas sen os Premios Minerva”. Engadiu a alcaldesa que supuxo unha revolución por dous aspectos, por unha banda “cando naceu era ben complicado escribir en galego, non había unha normativa, polo que o contexto era suficientemente duro” e tamén foi unha revolución pola importancia da escrita, “facer que a xente lea e escriba, xa que detrás de cada escritora soe haber un lector voraz. E moi importante atopar espazos para a soidade e para ler”.
Pechou o acto a actuación do alumno Gonzalo Rodríguez, interpretando 2º movimiento Concerto Nº1 en Sol menor, op. 26, M. Bruch acompañado por Víctor Escuder. Os asistentes desfrutaron dun viño no comedor.