O xurado dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio M. Peleteiro, reuniuse onte, xoves 5 de marzo, para ditar o fallo da edición número 54 dos recoñecidos galardóns (membros do xurado ao final deste documento).
Os alumnos de 3º, 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia tiveron a oportunidade de presentar os seus textos ata o 14 de xaneiro, coa condición de que foran orixinais, inéditos e por suposto, en galego, xa que con este certame trátase de contribuír ao fomento do uso da lingua galega no ámbito educativo e a impulsar a literatura entre os mozos.
O xurado destacou a calidade das obras poéticas e dos relatos premiados, que anuncian un futuro prometedor e luminoso para as nosas letras, obxectivo e razón de ser dos premios. “O excelente nivel dos traballos premiados mostra a puxanza e a forza deste talento novo que, coma sempre, agardamos que se sume á ampla relación de autores e autoras xa recoñecidos que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío Xohan Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Berta Dávila, Olga Novo, Ismael Ramos, Alba Guzmán, Brais Lamela, entre tantos autores e autoras xa imprescindibles das nosas letras, e mesmo o recentemente falecido Fernando Ónega, premiado nos anos 1964 e 1965 ”, sinalou o secretario do certame e profesor do Colexio M. Peleteiro, Mon G. Buhigas.
A entrega de premios está prevista para o vindeiro 9 de abril nun acto literario no Colexio M. Peleteiro. Os autores premiados lerán unha parte da súa obra como adianto á publicación do libro que recollerá integramente os traballos, editado polo Colexio M. Peleteiro.
As obras premiadas
En concreto, na modalidade de narración resultaron 14 traballos finalistas e na de poesía, 20. Desta obra, o xurado acordou outorgar os seguintes premios:
Modalidade de NARRACIÓN
- 1º PREMIO: Raúl Bouzón López, de 15 anos, alumno de 4º ESO do Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela , polo seu relato “E ti de quen es?” . Premio de 800 euros e medalla conmemorativa do certame.
- 2º PREMIO: Alba Prieto Ramil, de 14 anos, alumna de 4º ESO do IES de Ortigueira pola súa obra “O último recordo”. Premio de 400 euros e medalla conmemorativa.
- 3º PREMIO: Mara Arca Moliner, de 15 anos, alumna de 4º ESO do IES Vilar Ponte de Viveiro pola súa narración titulada “Abaixo de París”. Premio de 250 euros e medalla conmemorativa.
- 1º ACCÉSIT: Elvia Pérez Álvarez, de 15 anos, alumna de 4º ESO do IES de Ames, polo seu traballo “De arder has, Galicia”.
- 2º ACCÉSIT: Alba Lorenzo Eiriz, de 16 anos. Cursa 4º ESO no IES Santa Irene de Vigo, pola súa obra “O vendedor ambulante”.
- 3º ACCÉSIT: Iria García García, de 15 anos, de 4º de ESO do Colexio Sagrado Corazón Placeres de Pontevedra, polo seu traballo “O prezo do amencer”.
Modalidade de POESÍA
- 1º PREMIO: Inés Pereiro Martínez, de 16 anos. Cursa 1º de Bacharelato no Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo, polo seu traballo “Portus Dorsum/Mica/Dolmen”. Premio de 800 euros e medalla conmemorativa.
- 2º PREMIO: Román Rojo Campaña, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do IES Plurilingüe Rafael Dieste de A Coruña, polo seu traballo “Muiño”. Premio de 400 euros e medalla conmemorativa.
- 3º PREMIO: Antía Paradela Casal, de 16 anos. Cursa 1º de Bacharelato no Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela, polo seu poema “A Voz do mar”. Premio de 250 euros e medalla conmemorativa.
- 1º ACCÉSIT: Cristina Vicho de la Fuente, de 17 anos de 2º de Bacharelato do IES A Pinguela, Monforte de Lemos, pola súa obra “As reliquias do esquecemento”.
- 2º ACCÉSIT: Simón Torres Fachal, de 17 anos, de 1º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela, polo seu traballo “Sintomatoloxía”.
- 3º ACCÉSIT: Marta Penabad Timiraos, de 16 anos, de 1º de Bacharelato do IES de Ortigueira, polo seu traballo “Serea Soñadora”.
MEMBROS DO XURADO
Modalidade de NARRACIÓN
Presidente: Armando Requeixo Cuba
Secretario Científico no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, profesor da USC, investigador e crítico literario.
Vogais: Xesús Fraga
Escritor e xornalista, Premio Nacional de Narrativa en 2021.
Lidia López Teixeiro
Profesora e escritora.
Fernando Iglesias `Kohell´
Debuxante, guionista e mestre.
María del Mar Quintela Sánchez
Profesora de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.
Modalidade de POESÍA
Presidente: Luís Alonso Girgado
Investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e crítico literario.
Vogais: Manolo Fonte
Mestre, profesor de Lingua e Literatura Galegas.
Lucía Aldao
Poeta, docente e música.
Alba Cid
Docente, investigadora e poeta, Premio Nacional de Poesía Xoven Miguel Hernández en 2020.
Alejandro Carrera de Sousa
Profesor de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.

