Actualidad

Actualidad

Actualidad

10/10/2023

O Colexio M. Peleteiro convoca a edición número 52 dos Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro vén de facer públicas na páxina web (http://www.peleteiro.com) as bases polas que se rexerán os Premios Literarios Minerva na súa edición 52. Trátase dun certame escolar -dos máis lonxevos de Galicia dentro da literatura xuvenil- co que se pretende contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e a impulsar a literatura na nosa lingua entre a mocidade.

Comezou a súa andaina no ano 1963 da man do profesor Abuín de Tembra; apadriñado por Álvaro Cunqueiro. Carballo Calero, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Neira Vilas foron outros prestixiosos autores que validaron a calidade das obras. É unha honra para o colexio ver que co paso do tempo algúns dos premiados (Darío X. Cabana, Xesús Rábade, Fernando Ónega...) contribúen ao prestixio do certame.

Na mesma liña, continúa este certame no que poden participar alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato ou FP que cursen os seus estudos en Galicia e non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2023.

O alumnado interesado terá ata o 17 de xaneiro de 2024 para presentar os traballos (poesía ou narración), que deben ser orixinais, inéditos e por suposto en galego.

 

O acto literario será o xoves 11 de abril

Os premios son tres en cada modalidade e inclúen 800, 400 e 250 euros respectivamente, medalla conmemorativa e a publicación das obras galardoadas nun libro editado polo Colexio M. Peleteiro. O xurado, que estará formado por escritores e profesores de Lingua ou Literatura de distintos centros de ensino de Galicia, poderá outorgar accésits ou mesmo declarar os premios desertos.

O fallo darase a coñecer o día 2 de marzo nos medios de comunicación e na páxina web do colexio e a entrega dos galardóns levarase a cabo o xoves 11 de abril.