Actualidad

Actualidad

Actualidad

12/04/2024

O Colexio M. Peleteiro recoñece os traballos en galego de dez estudantes nos Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro acolleu esta tarde a entrega dos Premios Literarios Minerva, na súa edición número 52. No salón de actos déronse cita autoridades, membros directivos do colexio e da organización do certame, os galardoados, familiares, unha representación dos centros educativos premiados e alumnos do Colexio Peleteiro. O acto estivo presentado por unha estudante de 2º de Bacharelato, quen deu a benvida       e dirixiu a entrega de premios. 

O mantedor Quico Cadaval, contador de historias e dramaturgo, comezou eloxiando os traballos galardoados e definiunos como “extraordinarios”. Falou de anteriores mantedores e lembrou a Álvaro Cunqueiro nos inicios dos Minerva: “Foi unha persoa que lle daba menos traballo crear que copiar, e esa capacidade de renacer é unha das funcións da literatura”. 

Na súa intervención falou de anécdotas da infancia e da súa vida, fixo rir e reivindicou ó teatro. “Para que serve escribir, inventar versos ou contos, podendo estar guiando avións ou cavando na terra? Dixéronme que isto tiña que preguntarllo a unha crianza xa que cando comezan a falar nunca usan o Eu senón que falan en terceira persoa, están a facer a súa primeira historia literaria. Chega un momento no que conseguen dicir Eu e inventan historias, non son mentira, senón que é literatura. Por isto, a literatura serve para saber quen somos. Non de primeiras xa, senón que é a arte de intentalo unha e outra vez”. Cadaval fixo rir nomeando preguntas parvas, mentiras e adiviñas de tempos pasados que se lle dicía aos cativos: sabedoría en forma de parvada que pasaba duns a outros. 

E por último, quixo lembrar o teatro incidindo en que “a apertura de miras a da a literatura. Dinos quen somos, como en Cantares Gallegos”, e engadiu que “o teatro é a voz dos outros, concederlle a voz a outros, Que pensan? e nos fai definitivamente humanos. Por iso,  pediu engadir nos Minerva o premio de literatura dramática.  

A continuación, os rapaces galardonados, que foron en total 11 de distintos colexios e institutos de toda Galicia (6 premios en Poesía e 5 en Narración), foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla conmemorativa do certame. Ademais, tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiron o recoñecemento do público.

O director D. Luis Peleteiro quixo agradecer ós premiados a súa participación e anuncio que en datas próximas o Colexio Peleteiro presentará un libro sobre a historia dos galardóns, pola súa 50 edición: Cincuentenario dos Premios Minerva, percorrido literario e fotográfico polos premiados, xurado e mantedores dende os seus inicios.

O acto rematou coa intervención do director xeral de Cultura, D. Anxo Lorenzo, quen  dixo sentirse honrado por participar nestes premios e por “contemplar a enorme creatividade e o talento nestes dous ámbitos da creación literaria, narrativa e poesía, nas xeracións que vides dende abaixo e que estades lanzando a vosa voz”. Definiuse como firme defensor de todos os premios literarios como magnífica oportunidade xa que “esa creatividade nalgúns casos dará lugar a carreiras na literatura e noutros, vai desembocar en diferentes ámbitos creativos. Os Premios Minerva son fundamentais”. Anxo Lorenzo aseguroulle ós rapaces que agora forman parte do importante elenco dos Minerva, nos que foron premiados recoñecidos da literatura galega e dixo de Quico Cadaval que é unha persoa fundamental das artes escénicas de Galicia, recoñecendo o seu traballo para a cultura galega. 


*Listado dos premiados no documento adxunto.

Documentos adjuntos: