Actualidad

Actualidad

Actualidad

02/03/2019

Helena Gómez e David Obelleiro son os gañadores dos Premios Literarios Minerva

O xurado dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio, reuniuse o pasado xoves, día 28 de febreiro para ditar o fallo da edición número corenta e sete dos recoñecidos galardóns. 

O certame recolleu un total de 132 traballos. Os alumnos de 3º, 4º da ESO e Bacharelato de Galicia tiveron a oportunidade de presentar os seus textos ata o 25 de xaneiro coa condición de que foran orixinais, inéditos e por suposto, en galego, xa que con este certame trátase de contribuír ao fomento do uso da lingua no ámbito educativo e a impulsar a literatura entre os mozos.

O xurado destacou a calidade das obras poéticas, o que semella garantir o futuro da poesía galega. Do mesmo xeito, quedou sorprendido da gran variedade, tanto nas temáticas como no estilo, dos relatos. Considerou de xeito positvio a representatividade das diversas liñas creativas entre todas as obras presentadas, que abren un futuro esperanzador para as nosas letras. "Agardamos que, como xa vén sendo habitual, moitos destes autores sexan recoñecidos nun futuro próximo no panorama literario galego, sumándose á ampla relación de autores hoxe consagrados que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Rafa Villar, Rei Ballesteros...", sinalou a secretaria do certame e profesora do Colexio Teresa González da Silva.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 11 de abril nun acto literario no Colexio M. Peleteiro. Comezará ás 17.00 horas e nel actuará como mantedor Luís Alonso Girgado. Ademais os autores premiados lerán unha parte da súa obra como adiante á publicación do libro, que recollerá íntegramente os traballos, editado polo Colexio M. Peleteiro.


As obras premiadas

Presentáronse 76 na modalidade de narración, dos cales resultaron 22 finalistas, e houbo un total de 56 traballos na modalidade de poesía, con 20 finalistas. Desta obra, o xurado acordou outorgar os seguintes premios:


Modalidade de NARRACIÓN

 1º PREMIO: Helena Gómez Villanueva, de 18 anos, alumna de 2º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro, polo seu relato Realidade. Premio de 600 euros e medalla de prata conmemorativa do certame.

2º PREMIO: David Sánchez Rodríguez, de 17 anos, alumno de 2º de Bacharelato do IES Castelao de Vigo, pola súa obra Fe. Premio de 400 euros e medalla de prata conmemorativa.

3º PREMIO: Alba Guzmán Falcón, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, pola súa narración titulada Ser ou non ser. Premio de 250 euros e medalla de prata conmemorativa.

O xurado acordou tamén conceder os seguintes accésits:

1º ACCÉSIT: Iago Fraga Vilas, de 16 anos, alumno de 1º de Bacharelato do IES Ramón Cabanillas de Cambados, polo seu traballo A neve.

2º ACCÉSIT: Daniel Fernández Artiaga, de 17 anos. Cursa 2º de Bacharelato no Colexio M. Peleteiro de Santiago, pola súa obra Escribe e deixa de pensar.

3º ACCÉSIT: Héctor Garabatos Vilas, de 15 anos, de 4º de ESO do Colexio Miralba – Jesuitinas de Vigo, polo seu traballo O arquitecto dun soño.


Modalidade de POESÍA

1º PREMIO: David Obelleiro Prado, de 17 anos. Cursa 1º de Bacharelato no IES Chano Piñeiro de Forcarei, polo seu traballo Poemas baldeiros para un mundo nihilista. Premio de 600 euros e medalla de prata conmemorativa.

2º PREMIO: Lorena Fernández Iglesias, de 15 anos, de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, polo seu traballo Navegando na túa electricidade. Premio de 400 euros e medalla de prata conmemorativa.

3º PREMIO: Paula Varela Díaz, de 16 anos. Cursa 4º de ESO no Colexio María Auxiliadora de Lugo, polo seu poema Introspección. Premio de 250 euros e medalla de prata conmemorativa.

O xurado acordou tamén conceder os seguintes accésits:

1º ACCÉSIT: Fabián Niño Hernández, de 17 anos do IES Plurilingüe Fontem Albei de A Fonsagrada, pola súa obra Conxura.

2º ACCÉSIT: Elena García Ortigueira, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios de A Coruña, polo seu traballo Cando sufría.

3º ACCÉSIT: Jonathan Costas Dieste, de 17 anos, de 2º de Bacharelato no IES Praia de Barraña de Boiro, pola súa obra De lóxica e palacio.


Os membros do xurado

Modalidade de NARRACIÓN

Presidente: Manuel Quintáns Suárez

Escritor e crítico Literario.

Vogais:


Armando Requeixo Cuba

Secretario Científico no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, profesor da USC, investigador e crítico literario.


Manuel Núñez Singala

Escritor, sociolingüista e responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC.


Marta Neira Rodríguez

Profesora da USC e investigadora no Centro de Estudos Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.


Alberto Muñiz Pascual

Profesor de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.


Modalidade de POESÍA

Presidente: Luís Alonso Girgado

Investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e crítico literario.

Vogais:

Laura Rodríguez Herrera

Directora de Hércules Ediciones.


Xoán Neira López

Profesor e escritor.


Rosalía Morlán

Escritora, profesora da USC e secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas.


Montserrat Fraguela Fraguela

Profesora de Lingua e Literatura do Colexio M. Peleteiro.